Ben, xa conseguiches os teus primeiros encargos e que a xente se interese polo que fas, e mesmo che dan diñeiro a cambio de valor. Atende ás seguintes indicacións, independentemente de que sexas autónomo ou empresa:

Lembras que sempre tes que estar dado de alta na Axencia Tributaria, aínda que non ganes diñeiro co teu traballo? Pois, cando empezas a ganalo, a maneira na que se computan os importes dos teus impostos son, principalmente, as facturas. As facturas serven como soporte documental para contabilizar os ingresos, e por suposto a parte deles que vai destinada a Facenda.

Dentro das túas facturas debes incluír os datos de identificación, o número de serie da factura, a data e unha descrición do ben ou servizo que se vendeu. O importe que se amosa será a base impositiva, e sobre ela debes calcular o IVE (21% na maioría dos casos), que é a parte que ingresas nos trimestres a Facenda.

Ás veces tes a obriga de practicar unha retención sobre a base, que tamén debe ser abonada no trimestre tributario. Non é obrigatorio para quen cobra a factura, mais facilitas a obriga do pagador, que é quen debe reter.

Se o pagador é unha SA ou SL, ou un profesional autónomo, terás unha retención, a non ser que ti, prestador de servizos, sexas unha SA ou unha SL. Nese caso non. Regras:

  1. as sociedades no se reteñen entre si
  2. os autónomos retéñense entre si
  3. os autónomos non reteñen a sociedades
  4. as sociedades si reteñen aos autónomos

O xeral é unha retención do 15% para autónomos, agás que sexa o teu primeiro ano como autónomo (7% o primeiro ano natural que comezas + os dous años seguintes). Se es corredor de seguros, conselleiro de administración ou similar pois é outro caso pero, polo de agora, o xeral ao 15%.

Non sabes como redactar unha política de privacidade? Descarga o noso modelo:
[wpdm_package id=’90’]
[wpdm_package id=’92’]
[wpdm_package id=’94’]

A actual Lei de Protección de Datos (inspirada polo famoso GDPR) obriga as empresas a tomar medidas de protección dos datos persoais: desde o inicio da actividade para evitar sustos. Tes varias opcións: acudir a consultores profesionais, empregar as ferramentas de pago que están dispoñibles para estes servizos ou incluso acudir á web da Axencia de Protección de Datos, onde atoparás axudas para un «faino ti mesmo».

Os nosos primeiros clientes adoitan ser persoas coas que nos une unha relación de confianza allea ao negocio. Porén,  business is business: cando prestamos un servizo ou vendemos un produto, é importante que o contido básico do noso acordo fique claro:

  1. cómprasme X e eu lévocho á porta da casa
  2. contratas X comigo e os pagamentos son por adiantado
  3. ofrézoche X se me pagas unha cantidade, pero X+3 se me pagas outra distinta
  4. o fin do servizo será desta maneira.

Tes dúbidas para redactar un contrato de prestación de servizos? Descarga o noso modelo:
[wpdm_package id=’84’]
[wpdm_package id=’86’]
[wpdm_package id=’88’]

O mellor será ter un contrato escrito onde se recollan as cláusulas máis importantes: cales son as túas obrigas, que fai o teu produto, canto che vai custar e como se ten pagar, e en que casos non es responsable dos resultados. Como dicimos por aquí: amiguiños si, pero a vaquiña polo que vale.

Se esta relación co cliente se vai establecer online (a través dunha tenda web, por exemplo) a páxina deberá contar cos textos legais necesarios: aviso de cookies, política de privacidade do sitio, e os Termos e Condicións que equivalerán ao contrato do que falamos no apartado anterior. Un aviso legal sinxelo e con toda a información relevante é mellor que tres textos que ninguén vai ler porque son indescifrables. Faino polos teus clientes, por cumprir a legalidade vixente ou, se non, faino por evitar as sancións: a túa web está á vista da competencia, que pode decidir denunciarte á Axencia Española de Protección de Datos

Dá igual que vendas produto ou que prestes servizo: se o fas a cliente final (consumidor), este vai poder esixir unhas garantías mínimas polas que terás que responder. Se vendes produto, responderás, durante un prazo de dous anos, polas “faltas de conformidade” do mesmo. No caso de prestar servizos, terás que responder se se causaron danos directamente derivados deste.

Non podemos establecer un “estándar” de garantías porque dependerán de variables que hai que analizar caso por caso, mais si podemos aconsellar que -na medida do posible e sempre que non sexa contrario á lei- inclúas nos teus contratos cos clientes unha exención de responsabilidade, onde aclares de que situacións non é responsable a empresa.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *