Nunha situación mala, a empresa non funciona. O negocio non tira, a estratexia de marketing non arranca, a previsión de ingresos afúndese… Neste caso os socios poden decidir disolver a sociedade e liquidala. Deste modo cesan as obrigas da empresa e a súa implicación no tráfico mercantil. Esnaquizámola.

Primeiro disólvese, despois liquídase. Esa disolución pode ser decisión dos socios, voluntariamente, ou porque se impoñen certas causas legais. En concreto, segundo a Lei de Sociedades de Capital: transcurso do prazo previsto, redución do capital social mínimo, oficio do Rexistrador. Se fose por vontade dos socios, a Xunta Xeral debe reunirse e aprobar a disolución para abrir o proceso de liquidación.

Nesta fase procédese a liquidar o patrimonio social, pagando todas as débedas da sociedade que poidan existir. A xestión corresponde aos liquidadores, que son como administradores pero coa función de extinguir a empresa. O prazo é de 3 meses desde que se abre a fase de liquidación para presentar un balance e un inventario de bens.

Coas contas claras, toca pagar débedas e desfacerse do patrimonio. É dicir, que se a empresa ten ordenadores, pois véndense e conseguimos diñeiro en efectivo. Liquidar as propiedades. Se hai traballadores, despedilos e abonar as indemnizacións que correspondan. Cobrar os créditos. Negociar cos provedores ou os clientes.

Ao presentar o balance final, se quedan cartos repártense entre os socios, se non hai outro acordo, en función da súa cota de participación actual. Transcorrido o prazo para impugnar sen que existan reclamacións:

  1. pagamento da cota de liquidación acordada ao socios,
  2. firma ante notario da extinción da sociedade co balance final,
  3. inscrición no Rexistro cancelando os asentos rexistrais e
  4. publicación no Boletín Oficial correspondente.

A empresa deixa de ter personalidade xurídica, e desaparece do tráfico mercantil con efectos definitivos.

Se a situación é mala, mala de verdade, a empresa estará en insolvencia: non pode atender os seus gastos correntes, ou o patrimonio neto está por debaixo da metade do capital social. Neste caso haberá un concurso de acredores, con varios escenarios posibles.

Un concurso de acredores é unha ferramenta prevista para estas situacións, e non ten máis connotación negativa que a que culturalmente se lle atribúe. Unha correcta xestión da empresa polas persoas que  administran resulta unha garantía nestes procesos.

Concurso voluntario vs Concurso necesario

Se a empresa está en insolvencia, o órgano de administración está obrigado a solicitar a declaración de concurso voluntario nun prazo máximo de dous meses. Precisará axuda de Avogada e Procuradora, que se encargarán de presentar a solicitude no Xulgado Mercantil. Se o órgano de administración cumpre con esta obriga e actúa de forma dilixente, o concurso declararase «fortuíto»: a empresa pagará as débedas ata onde cubran os seus bens.

Se o órgano de administración non solicita o concurso en prazo, calquera acredor poderá pedilo ante o xulgado. Estariamos ante un concurso necesario: o máis probable é que se considere «culpable». Isto é, que se entenda que os administradores non actuaron dilixentemente, e polo tanto despoxaráselles do escudo da responsabilidade limitada. Neste caso pasarían a responder persoalmente de todas as débedas da empresa, co seu patrimonio privado.

Liquidación vs Convenio de acredores

Xa comprobamos o que pode acontecer cos administradores, pero que pasa coa empresa? A maioría dos concursos de acredores acaban en fase de liquidación: rematará a actividade, os traballadores serán despedidos, e os bens iranse liquidando. Co que se obteña pagarase aos acredores por orde de preferencia legal, ata onde chegue.

Os concursos de acredores sempre acaban coa liquidación da empresa? Non: é posible negociar un Convenio de acredores: consiste nun acordo con aqueles cos que se teñen débedas para pagarlles menos (aplicando unha quita) e a prazos. Cando o convenio se aproba, a empresa deixa de estar en concurso e poderá volver á súa actividade habitual sempre que cumpra cos pagos acordados: se os incumpre entrará automaticamente en liquidación, game over.

Pois basicamente que incorre nun delito de alzamento de bens. Estás a desfacerte do patrimonio para evitar o pagamento aos acredores.

Por desfacerse do patrimonio inclúese ademais: ocultar os bens da empresa, poñelos a nome de parentes ou amigos, crear débedas ficticias para facer pagos ficticios, simular contratos de calquera tipo…

Os autónomos tamén poden ter unha mala experiencia cos seus negocios, e é posible que acudan ao concurso de acredores. Ao responder con todo o seu patrimonio persoal, xa que non limitaron a responsabilidade cunha SL, unha situación así suporía o fin do seu patrimonio e incluso arrastrar débedas de por vida.

Existe para eles a Lei de Segunda Oportunidade, un mecanismo para tentar que esas persoas que arriscaron e perderon o seu patrimonio podan empezar de cero.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *